A área de lingua da Deputación da Coruña presentou este martes o programa “O galego e as redes sociais” que desenvolve, en colaboración con Orgullo Galego, coa participación da deputada, Soledad Agra, e o responsable do medio dixital, Borja Iglesias.
Entre as principais medidas destacan 20 obradoiros que se levarán a cabo en institutos da Costa da Morte, que serán impartidos por Orgullo Galego, unha comunidade en redes que naceu en 2016 e que na actualidade conta coa comunidade máis grande en lingua galega, un traballo que destacou a deputada provincial.
“Podemos facer un gran traballo para potenciar o galego nas redes sociais, por iso queremos animar a crear contido na nosa lingua, e tamén amosar todo o que se está facendo agora mesmo, que é moito e dunha gran calidade”, afirmou Soledad Agra, de ahí que este proxecto se leve a cabo “da man dun dos creadores dixitais de referencia do país”.
Borja Iglesias pola súa banda explicou que nestas charlas que se levarán a cabo nos centros amosarán a situación da lingua galega nas redes, “a súa evolución dende os anos 90, e vemos as canle sque hai en galego, que falan de temas moi diversos como deporte, ciencia, cultura, tecnoloxía...”. Indicou tamén que o galego “non é un atranco para crear contido”.
Precisamente, chama a atención que A Costa da Morte é unha das zonas de Galicia nas que máis se fala a lingua.