A Costa da Morte envorcarase este martes coa celebración do Día das Letras Galegas, con múltiples actividades preparadas en case todos os concellos. En Carballo, volve á Praza do Concello, ao Xardín Municipal e a rúa Coruña (e ou ben ao mercado municipal en caso de choiva) a iniciativa “Letras na Rúa”.
A partir dás 11 horas terá lugar el contacontos “O Garoto de Ipanema”, da man de Caxoto, unha historia sobre a vida de Florencio D. Gurriarán.
Á mesma hora empezará o reparto de papel e pinturas para a 40ª edición do Concurso Infantil e Pintura Luís Calvo, que organiza a asociación cultural Lumieira. Ás 12 horas soará a música de Golfiños, co espectáculo “O soños dos golfiños”. Como xa é tradicional, nesta xornada tamén estará presente a música, coa intervención da Banda Municipal de Gaitas, que dirixe Jesús Moreira, e para rematar as actividades organizadas, a Banda Municipal de Música de Carballo, dirixida por Javier Bardanca, interpretará o tradicional Concerto das Letras ás 13 horas na rúa Coruña.
Exhibición de danza tradicional, o domingo na Laracha | Raúl López
En Ponteceso, a Casa dos Veciños do Couto acolle ás 16.30 horas a proposta “Dose de reforzo” con Rosalía Fernández, Suso Lista, Claudia Castro, Alexandre Nerium e Xurxo Souto. Ás 18 horas tamén da Casa dos Veciños terá lugar o concerto do Faia Díaz, último evento do programa "Odezasete" da Fundación Pondal.
En Malpica haberá unha tripla cita: ás 12 horas inauguración da sala “Non canto por cantar” no antigo centro comarcal de Buño; ás 17 horas, no Ecomuseo, a representación teatral infantil sobre a vida de “Rosalía” e ás 18.30 horas o espectáculo infantil “A familia Papaventos” na praza de Anselmo Villar Amigo, e se chove está todo previsto para que a actuación pase ao auditorio do Centro Cívico.
Na biblioteca municipal de Coristanco (11.30 horas) os nenos descubrirán os experimentos que Antía Yáñez desenvolverá na proposta “De ciencias ou de letras?”, mentres que en Cabana está previsto (na Escola de Vela desde as 11 horas) o concerto das Letras con Irma Macías e Xaquín Rama, a representación de “O parrulo e as frores” da A Escola Municipal de Teatro e a lectura de poemas de Florencio Delgado Gurriarán.
En Camariñas, os actos comezarán ás 12 na Praza do Carme coa entrega dos premios do Certame das Letras Galegas e unha actividade para colorear a imaxe de Florencio Delgado Gurriarán. Ás 12.30 pecharán os actos a actuación musical do grupo Breocáns. Pola súa banda, os máis pequenos de Fisterra gozarán no salón de actos (12 horas) do espectáculo de monicreques “Feira das sementes”. A peza presenta unha selección de contos, poemas, refráns, cancións e adiviñas relacionados coa agricultura e as sementes recollidos nos cancioneiros e refraneiros populares galegos.
En Vimianzo, o Día das Letras finalmente acollerá o concerto de Tanxunqueiras, tras a decisión do Concello de atrasalo ao non poder garantir a seguridade no desenvolvemento do evento previsto para onte á noite debido ao risco de desprendemento do parco polo fonte vento.
“O primeiro é garantir a seguridade tanto das artistas como do público”, avanzaba a alcaldesa, Mónica Rodríguez, quen insistía en que “ante a mínima posibilidade de que exista risco, por mínimo que sexa, temos que tomar unha difícil pero meditada decisión”, asegura.
Esta decisión provocou malestar en moitos veciños por varias razóns. Primeiro, pola escasa marxe de tempo co que se comunicou o aprazamento (moitos se decataron cando xa estaban en rúa Braña, onde está previsto o concerto), e tamén pola hora á que se reprogramou, xa que mañá os nenos teñen clases e os adultos deben traballar, polo que se demandaba a través das redes sociais que o espectáculo se realice a primeiras horas da tarde. Moitos outros veciños pedían que se devolvese o importe das entradas ao non poder acudir polo cambio de día.
Fronte ás críticas, o Concello explicou que “o escenario estaba montado pola mañá, con condicións óptimas para que se levase a cabo a actividade. O equipo técnico tivo que desmontar a infraestrutura polo perigo que supoñía ante as rachas de vento tan fortes, incluso se produciu unha rotura nun dos tensores do tráiler. Tomar unha decisión neste contexto non é sinxelo, nin inmediato, ademais a axenda das artistas é moi apretada. En definitiva, e tendo en conta absolutamente todas as variables, primando a seguridade das persoas asistentes, o mellor é que se leve a cabo mañá nun horario no que se garantan concidións climatolóxicas favorables. Lamentamos moito as molestias ocasionadas”.
O Día das Letras tamén se celebrará con actividades deportivas. Unha das máis especiais é o “ Pequebasket”, que recuperan o Concello de Carballo e a Escola de Basket Xiria tras dous anos de ausencia pola pandemia. Está confirmada a participación de 36 equipos, malia que nesta edición se limitou o número de asistentes. O que non varía é o espírito da xornada, deseñada para que conflúan o deporte, a cultura, o lecer, a diversión e a amizade entre os nenos e nenas de 5 a 8 anos aos que vai dirixida.
Ademais, Baio (Zas) acollerá a terceira edición do Dúatlon das Letras organizado pola Federación Galega de Tríatlon, cun circuíto de 31,83 quilómetros para os adultos, outro de 12.80 quilómetros para os mozos e unha andaina de 16 quilómetros de Traba a Laxe. En Corcubión terá lugar o campionato intercomarcal de fútbol sala nas categorías infantil e prebenjxamín con equipos de varios municipios.