A día de hoxe e ante todas as publicacións realizadas nos distintos medios e redes sociais estou no dereito e véxome na obriga de facer as seguintes aclaracións.
1º.- Este concelleiro, actualmente Primeiro Tenente de Alcalde, nomeado por resolución da Alcaldía e dada conta ao Pleno da Corporación recentemente constituída, formo parte dun goberno en coalición co Partido Popular, ao igual que na anterior lexislatura foi formado xunto co PSOE e co BNG, goberno que no ano 2021 se rompeu por unha moción presentada polo Partido Popular (non por min), que eu apoio ante os incumprimentos reiterados do pactado e desacordos no goberno por parte do Sr. Walter Pardo, resultando que foi realizada conforme ao procedemento establecido na lexislación vixente e sendo totalmente lícita (cousa que non se pode dicir o mesmo de moitas tramitacións realizadas polo anteriormente Sr. Alcalde e con informes desfavorables, que xa serán tratados no seu día), simplemente foi unha moción como moitas outras en diferentes Concellos.
2º.- Na lexislatura correspondente aos anos 2019-2021, a Mostra de Olería foi xestionada polo BNG, non exenta de problemas e incidentes, que non transcenderon á opinión pública, e algunha vez baixo a ameaza dos oleiros de non celebrarse. A este respecto podemos recordar o comunicado demoledor difundido pola propia Asociación Oleira no ano 2022 no seu Facebook, así como na prensa, contra o deputado provincial Sr. Penas (que pronto se esquecen as cousas!), organismo que está a financiar os gastos do Ecomuseo Forno do Forte e da Mostra de Olería cunha achega económica considerable e envexable que non reciben outros concellos da zona, incluso da provincia, e que debemos agraceder.
3º.- Por parte deste concelleiro, comentar que asumo a xestión da Mostra no exercicio 2022, levada a cabo xunto co anterior presidente da Asociación Oleira, sendo unha das mellores mostras nas que tiveron moitas vendas e un resultado satisfactorio en canto ás visitas realizadas, segundo se desprende das conversas mantidas con distintos oleiros e prensa.
As xestións comezan coa sinatura do convenio polo Sr. Alcalde, organización de actividades e eventos que se inclúen dentro do importe económico do citado convenio entre os que figuran: cartel promocional, carpas, seguridade, publicidade, barro, demostración de torno feitas polos oleiros (remuneradas, nunca gratis), prensa, radio, decoración, grupos musicais, instalación eléctrica, trofeos, pezas para os “influencer” que colaboran na difusión da olería, difusión en mostras e outros concellos (Santiago, A Coruña), etc . Engadir que por parte da Asociación Oleira non se achega un só euro, soamente ceden as pezas para a exposición e pasada esta volven ás súas tendas e obradoiros.
4º.- Este ano o presidente da Asociación Oleira ponse en contacto con este concelleiro, para que se proceda á organización da Mostra comezando as xuntanzas e conversas no mes de MARZO (ofrecéuselle total dispoñibilidade e ás horas solicitadas polo colectivo) de forma continuada e en total concordancia, pausadas por mor das eleccións municipais. Resolto o proceso electoral retomamos a actividade e xuntanzas para tratar os últimos flocos.
Na xuntanza celebrada o día 26 de xuño, trátanse os temas pendentes quedando á espera da entrega dun dos orzamentos solicitados por parte da secretaria da citada Asociación Oleira, que pasados uns días non se recibe no concello. Tendo en conta que por parte da secretaria se me advirte “ a ver se non hai Mostra” fago reiteración da petición do orzamento sendo isto o que provoca, acto seguido, a publicación nas redes por parte da asociación da NON CELEBRACIÓN DA MOSTRA, previa chamada do Sr. Presidente da Asociación Oleira o día anterior, ás 23:00 h, sen aducir motivo xustificado, simplemente “Discrepancias” non aclaradas nin xustificadas a día de hoxe.
5º.- Dende o Concello, á vista do sucedido, previo asesoramento xurídico sobre o convenio asinado, informan que debemos executar o mesmo asinado co Concello, non coa asociación oleira (que é o que eles pretenden). Debemos levar a cabo o mesmo tendo en conta que é para a promoción da olería e de non facelo tería unha repercusión económica para o Concello polos compromisos adquiridos ata o día de hoxe.
O incumprimento ou renuncia ao convenio asinado supón unha repercusión económica de 500.000 euros aproximadamente, tendo en conta, que para os vindeiros orzamentos por parte da Deputación non sería incluído nos seus propios orzamentos.
6º.- Dende a concellería que represento, co fin de levar a cabo a Mostra sen ánimo de causar o mínimo prexuízo, procédese a notificar a todos os oleiros para que no caso que o desexen, poidan participar sen máis problema, previa presentación da correspondente solicitude, facendo caso omiso á invitación realizada recentemente. Así mesmo, invito ás distintas asociacións culturais a participar na mesma, da mesma maneira que se fixo en edicións anteriores, sendo a resposta que están a recibir chamadas por parte da Asociación Oleira, a cal pretende exercer presión para que non participen no evento.
Ante todo o exposto, só me queda dicir que por parte da concellería de Turismo, única e exclusivamente, se está a executar un acordo asinado co concello, co fin de defender e promocionar a olería de Buño dende hai moitos anos, corroborado polas distintas noticias de prensa, onde fago entrega de pezas a moitas personalidades e institucións que son adquiridas ao oleiros.
De todo isto é coñecedor o actual presidente da Asociación, quen nalgunha lexislatura foi organizador da mesma e mantiña a postura de que a Mostra a tiña que organizar o Concello, como estou a facer e non os oleiros.
Para rematar, apelo á sensatez por parte dos distintos grupos políticos, que están intentando politizar e sacar rendemento político desta situación, para dicirlles que non todo vale, e pedirlles que cesen na incentivación e crispación que están a provocar no pobo de Malpica, quen vai ser o máximo prexudicado.