A comarca segue a festexar as Letras Galegas con música e teatro para os nenos

A comarca segue a festexar as Letras Galegas con música e teatro para os nenos
En Carballo, preto de 300 escolares gozaron este xoves coa festa do Correlingua no Pazo da Cultura | Marema

Diferentes concellos da Costa da Morte seguen a festexas as Letras Galegas cos máis pequenos como protagonistas. Na Laracha o programa cultural das Letras pecha a tarde deste xoves no centro sociocomunitario de Caión co espectáculo de Magín Blanco, “O que levamos nas maletas”, ás 18 horas con entrada gratuíta. 


En Camariñas tamén rematan as actividades. Será na biblioteca municipal ás 16 horas, co obradoiro de esculturas de papel que realizará Electra Menéndez Muñoz. En Zas haberá teatro para os alumnos do IES Maximino Romero de Lema, de Baio, que gozarán da proposta “Invisibles” de Redrum Teatro no auditorio de Baio ás 12.45 horas. Trátase dun evento incluído tamén no programa da Semana Cultural do instituto. 


En Cee este xoves hai dobre cita coas Letras. Ás 11 horas na Casa da Cultura, o contacontos “O tranvía Leonardo”, un espectáculo musical para os nenos no que se conta a historia do Tranvía Leonardo; e ás 12 horas a inauguración da exposición “A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía”, da Fundación Rosalía de Castro na Praza da Constitución. 


O programa das Letras volverá a coller forza de cara ao fin de semana, coa inauguración, este venres, da exposición “Carrexadoras” da artista muxiá Viki Rivadulla no centro cívico de Malpica (19 horas); a presentación en Carballo do manual de boas prácticas na xestión cultural das artes visuais (Pazo da Cultura ás 19 horas) e logo a proxección do documental “A poeta analfabeta”, do ciclo Mestre Mateo, tamén no Pazo ás 20 horas. En Cee presentarase o libro “Ayúdate que te ayudaré” de Lucinda Rey e en Corcubión haberá teatro para nenos e adultos. 

A comarca segue a festexar as Letras Galegas con música e teatro para os nenos

Te puede interesar